domingo, 3 de abril de 2011

Saída Capela de S. Cibrán - Pouso

Os alumnos e alumnas de 3º estamos a traballar, dentro do proxecto Achégate a Bembrive, sobre a capela de S. Cibarán (3º A) e o Pouso (3º B).  Os primeiros traballos que fixemos foron as follas do almanaque do 2011. Os de 3º A debuxamos a capela na folla do mes de decembro e os de 3º B encargámonos da folla de xullo cun debuxo do Pouso.
Agora traballamos noutras actividades nas que estamos a recoller información sobre os dous lugares. Non podía faltar unha visita para velos con detemento e así o fixemos. Agora xa os coñecemos un pouco mellor  ... pero aínda queremos saber algunha cousa máis  sobre os mesmos. Estamos a traballar!


S. Cibrán - Pouso on PhotoPeach

Fomos ao teatro

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º, dentro do programa de actividades para escolares de Novacaixagalicia, fomos ao teatro para ver a montaxe O Forno de Flordelís, da compañía Elefante Elegante.
A obra, dirixida a alumnos de 2º ciclo de Primaria coma nós,  é unha comedia sobre a sociedade de consumo dos nosos días e que nos  convida a reflexionar sobre a forma na que estamos vivindo a nosa vida en sociedade, a forma na que estamos empregando os recursos naturais e o destino que lles reservamos.
A historia transcurre na aldea de Flordelís, onde se vive en plena harmonía. Os habitantes do pobo reúnense ao redor do forno para amasar e cocer un gran pan que será compartido por todos. Mais un día, Madame Lisette, a comerciante, ten a idea de facer un pan só para ela... e por riba... con azucre! Os tempos pracenteiros e a vida comunitaria  van cambiando e os personaxes tórnanse  cada vez máis individualistas. As  vertixinosas ansias de comer lévaos ata un punto en que só quedan dúas posibilidades: parar ou o forno rebentará.

Elefante Elegante aborda esta temática a través do riso, do xesto e da música belga da Valonia en directo.
A obra pareceunos interesante pola súa temática, resultounos moi  entretida e pasámolo moi ben.