viernes, 16 de mayo de 2014

VISITA A UN MUÍÑO E UNHA FORXA

Dentro da Semana da celebración das Letras Galegas, na saída á contorna previa ao acto que celebramos no Torreiro, o 14 de maio os alumnos/as de 4º visitamos o muíño da Pedrosa e a forxa do ferreiro,  o señor Miro, avó dos nosos compañeiros Rubén de 2º e Bruno de 3º.

No muíño da Pedrosa explicáronnos como funcionaba, que utilizaba unha enerxía renovable como é a forza da auga procedente do rio Eifonso.

Na visita á forxa, xunto ao seu domicilio, recibíronnos amosándonos unha exposición cos traballos que fai co ferro. Pasamos logo a forxa onde vimos como quentaba o ferro para moldealo golpeándoo. Algúns compañeiros e compañeiras puidemos probar que non é moi doado.

Ensinounos tamén como facía os mangos para as fouciñas e quedamos abraiados do fácil que resultaba para el facelos no torno, resultado dos moitos anos de traballo.
Tamén nos mostrou como facía o corte das fouciñas, demostrando unha vez máis a habilidade adquirida coas horas de traballo dedicadas ao seu oficio. Nós tamén probamos pero comprobamos que era moi difícil … seguramente porque era a primeira vez que o intentabamos.

Foi unha lección moi interesante para todos nós porque nos permitiu coñecer o traballo dun oficio moi antigo dos que xa quedan poucas persoas que o fagan. Moitas grazas por recibirnos e pola amabilidade mostrada durante a visita.

RESULTOU MOI INTERESANTE !

sábado, 12 de abril de 2014

OS DE 4º ADESTRANDO CO AMFIV

Como se ven facendo nos  últimos cursos o alumnado de 4º vive a experiencia do baloncesto en cadeira de rodas, e neste curso fixémolo o día 10 de abril no Pavillón de Bouzas.

É un deporte minoritario onde o Clube AMFIV (Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo) con moito traballo e sacrificio lograron, fai anos, facer un equipo que está na élite do baloncesto en cadeira de rodas, a nivel nacional e internacional.

Nesta sesión puidemos comprobar adestrando con eles o difícil que é este deporte e,  ao mesmo tempo, o espectacular que pode chegar a ser despois adestrar como fan eles.

Despois de presentarse os xogadores aprendemos as regras particulares que ten este deporte, interesámonos por distintos aspectos do xogo e continuación fixemos distintos movementos para controlar a cadeira de rodas conxuntamente co balón. Que difícil ao principio! Logo fixemos unha serie de partidiños moi competidos.

O mellor de todo foi que nos decatamos de que aínda que se teña unha deficiencia física, sempre haberá algún deporte que poidamos practicar, con esforzo e capacidade de superación.


FOI UNHA FERMOSA LECCIÓN !

jueves, 10 de abril de 2014

O ALUMNADO DE 4º EN AQUALIA

Os alumnos e alumnas de 4º visitamos o día 8 de abril a ESTACIÓN DE TRATAMENTO DE AUGA POTABLE (ETAP) situada na rúa Cantabria, na zona de San Xoán do Monte.
Recibiunos e acompañounos ao longo da visita Valle, nai dos nosos compañeiros Ángel de Infantil e Andrés de segundo , que amablemente nos explicou o proceso de tratamento da auga.
Primeiro asistimos a proxección dun vídeo informativo das actividades de Aqualia, pasando logo a facer un percorrido polas instalacións da ETAP. Vimos como chega a auga ás instalacións a través do túnel da Madroa procedentes da presa de Eiras, no río Oitavén.
Logo explicounos o proceso de tratamentos e operacións aos que se somete a auga para a súa potabilización:
  • Precloración na arqueta de entrada.
  • Decantación de sólidos en suspensión no decantador.
  • Filtración a través dos filtros de area.
  • Postcloración con cloro gas para conseguir o cloro esixido na auga.
  • Almacenamento e posterior distribución.
Máis tarde levounos a unha sala onde espertou a nosa curiosidade polas moitas pezas e aparatos que alí había, e a nosa guía respondeu as nosas preguntas, que foron moitas, con explicacións moi detalladas.
Finalmente rematamos a visita  de forma doce xa que Valle agasallounos cuns caramelos.

FOI UNHA SAÍDA MOI INTERESANTE, GRAZAS A NOSA GUÍA!

jueves, 27 de marzo de 2014

Visita do alumnado de 4º a ANFACO

Os alumnos e alumnas de 4º visitamos o MUSEO ANFACO da industria conserveira, os de 4º A o día 24 de marzo e os de 4º B ao día seguinte.

Coa visita fixemos un percorrido a través do tempo xa que vimos dende as primeiras latas ata os modernos envases que se empregan na actualidade. Observamos tamén distintos utensilios e aparellos utilizados para abrir as latas, poñerlles a tapa, esterilizalas ... 

Por medio de distintos paneis amosáronnos a evolución dos traballos nas conserveiras e contemplamos a maqueta dunha fábrica e distinto material relacionado coa industria das conservas.

Lembráronnos tamén que as conservas son alimentos saudables xa que non conteñen conservantes e están elaboradas con produtos naturais, e para probalas fixéronnos un agasallo dunhas latas de atún claro. 

domingo, 12 de enero de 2014

Visita ao Castro de Vigo do alumnado de 4º

O mércores, 27 de novembro, o alumnado de  4º de Primaria visitamos o xacemento arqueolóxico do Castro de Vigo, no monte do Castro, no centro da cidade.
Recibiunos Rubén, o arqueólogo, e diante da maqueta do castro explicounos moitas cousas do poboado e satisfixo a nosa curiosidade respondendo a todas as nosas preguntas, que foron moitas.
Díxonos que os restos escavados forman parte dun gran poboado castrexo que estivo habitado entre os séculos III a.C. e III d.C.
Contounos que vivían da agricultura, da gandería, da recolección de produtos vexetais e dos recursos mariños.
Ensinounos os restos arqueolóxicos reais formados por restos de casas e vimos as réplicas ou recreacións de distintos tipos de vivendas, segundo o uso, ambientadas no século I d.C., fai uns 2.000 anos. Foi o que máis nos gustou e permitiunos imaxinarnos como vivían naquela época.
Merendamos na antiga fortaleza militar, hoxe parque infantil, e gozamos das marabillosas vistas sobre a ría: Rande, a Guía, as Cíes, Toralla ...
FOI UNHA SAÍDA XENIAL !!!


Os de 3º en ANFACO


Os alumnos e alumnas de 3º fixemos una visita ao museo de conservas ANFACO.
Foi unha visita moi interesante na que nos ensinaron:
  •    As máquinas empregadas nas fábricas de conservas, das máis antigas ás máis modernas.
  • Aparellos empregados para abrir as latas a través do tempo, dende o primeiro abrefácil.
  • Fotografías e paneis de distintas conserveiras.

Tamén nos explicaron que as conservas son moi boas para a nosa saúde xa que están feitas con produtos naturais excelentes e sen conservantes.
Ademais regaláronnos unha lata de mexillóns a cada un.

                                                                                            ESTABAN BOÍSIMOS !!!