viernes, 16 de mayo de 2014

VISITA A UN MUÍÑO E UNHA FORXA

Dentro da Semana da celebración das Letras Galegas, na saída á contorna previa ao acto que celebramos no Torreiro, o 14 de maio os alumnos/as de 4º visitamos o muíño da Pedrosa e a forxa do ferreiro,  o señor Miro, avó dos nosos compañeiros Rubén de 2º e Bruno de 3º.

No muíño da Pedrosa explicáronnos como funcionaba, que utilizaba unha enerxía renovable como é a forza da auga procedente do rio Eifonso.

Na visita á forxa, xunto ao seu domicilio, recibíronnos amosándonos unha exposición cos traballos que fai co ferro. Pasamos logo a forxa onde vimos como quentaba o ferro para moldealo golpeándoo. Algúns compañeiros e compañeiras puidemos probar que non é moi doado.

Ensinounos tamén como facía os mangos para as fouciñas e quedamos abraiados do fácil que resultaba para el facelos no torno, resultado dos moitos anos de traballo.
Tamén nos mostrou como facía o corte das fouciñas, demostrando unha vez máis a habilidade adquirida coas horas de traballo dedicadas ao seu oficio. Nós tamén probamos pero comprobamos que era moi difícil … seguramente porque era a primeira vez que o intentabamos.

Foi unha lección moi interesante para todos nós porque nos permitiu coñecer o traballo dun oficio moi antigo dos que xa quedan poucas persoas que o fagan. Moitas grazas por recibirnos e pola amabilidade mostrada durante a visita.

RESULTOU MOI INTERESANTE !