jueves, 26 de enero de 2012

Obradoiro Vigozoo


O martes, 13 de decembro, os de 4º participamos nun obradoiro do Zoo de Vigo. Dentro do Programa de Visitas Escolares da Aula Educativa do zoo, achegáronse ao noso centro dous monitores que nos amosaron imaxes  dos animais que teñen alí e faláronnos do traballo que están a facer.
Despois participamos nun xogo no que había que completar tres murais coas fotos de animais ou plantas que nos repartiron. Logo tivemos que colocalas e así aprendemos cousas interesantes das especies autóctonas, exóticas e invasoras.
Estivemos moi atentos porque foi moi interesante. Gustounos moito!

miércoles, 5 de octubre de 2011

Xa estamos aquí ... empeza o curso 2011-12


Pois remataron as vacacións e xa estamos de volta, aínda qsue algúns xa pasaron a 5º, pero chegamos nós, os de 3º.
Ao longo deste curso que comeza iremos enchendo os distintos recunchos do noso blogue con fotos, vídeos, actividades ...
Botade unha ollada para ir descubrindo as novidades ou para lembrar actividades ou traballos feitos o curso pasado.
Benvidos ao novo curso!

miércoles, 22 de junio de 2011

Chegaron as vacacións


Ben, pois remata o curso e chega o tempo de lecer. Durante o verán teremos tempo para descansar, xogar, ir a praia, de vacacións, gozar da lectura … e tamén para repasar un pouco para que non se nos esqueza o que aprendemos durante este curso que remata. Pasado un tempo podemos ir fixando un horario para estas actividades de repaso, cada un de nós segundo as nosas necesidades. Uns necesitaremos repasar máis mate, outros lingua …
Podemos aproveitar estas propostas de actividades para terceiro e para cuarto como guía para as áreas de lingua e matemáticas.
Non debemos esquecernos dunha actividade que debe ser diaria porque con ela gozamos (unhas veces máis e outras menos) e tamén aprendemos un montón de cousas. Non esquezamos a lectura como fonte de información e pracer.
Gocemos do verán, das vacacións e vémonos o 12 de setembro!

domingo, 22 de mayo de 2011

Encontro con Teresa González

Os alumnos e alumnas de 4º recibimos a visita da escritora Teresa González, autora de A filla do ladrón de bicicletas, o libro que estamos a ler.
Esta obra recibiu o premio Merlín de literatura infantil no 2010. O encontro, moi interesante, tivo lugar na biblioteca o día 11 de maio.
Asinou os nosos libros e deixou unha mensaxe coa súa sinatura no libro de visitas de Bibliochans.
A FILLA DO LADRÓN DE BICILETAS on PhotoPeach

Podemos saber máis desta obra e traballar sobre ela facendo esta actividade lim.

martes, 10 de mayo de 2011

Letras Galegas


Chega o 17 de maio, Día das Letras Galegas, data na que lembramos a un escritor ou escritora que escribiu na nosa lingua ou estivo vinculado a nosa cultura. Neste ano lembramos ao poeta de Monforte LOIS PEREIRO.
Nós celebramos as Letras Galegas con moitas actividades: escribimos para a revista A Xanela, participaremos no festival, no Correlingua, sairemos a coñecer o entorno visitando fontes e lavadoiros, para despois participar no acto conxunto de todo o colexio no Torreiro, en  Bembrive.
Na rede podemos informarnos desta importante celebración para a nosa lingua en numerosos enlaces como pode ser o SeminarioGalán, onde ademais podemos facer unha actividade multimedia interactiva sobre Lois Pereiro. Hai tamén actividades para outros ciclos e tamén para Infantil.  A información aparece por etapas_ciclos e este é o vínculo para o noso ciclo. 
Na web da Real Aademia Galega  podemos atopar tamén información sobre a celebración e Lois Pereiro. Tamén neste link hai abundante información e poderemos coñecer o nome e o ano de tódolos homenaxeados-as ata hoxe. 
Na páxina da coordinadora galega de equipos ndl hai abundante información e documentación escrita e audiovisual.
Esta é outra  actividade lim sobre o autor homenaxeado. Unha máis que podemos facer para coñecer un pouco máis a Lois Pereiro.

Para rematar un vídeo da biografía de Lois Pereiro onde tamén escoitaremos unha mostra da súa poesía.

domingo, 8 de mayo de 2011

Visitounos Fina Casalderrey


O pasado venres, 29 de abril, achegouse ao noso colexio a escritora Fina Casalderrrey, autora do libro que estamos a ler “O estanque dos parrulos pobres”.
Compartiu con nós experiencias e vivencias e coma sempre foi un encontro agradable, interesante e motivador.
Gozamos moito con ela pois é unha persoa que coa súa conversa fainos soñar e ensínanos o valor das palabras.
O encontro rematou coa firma dos nosos libros  cunha agarimosa aperta.
Estámoslle moi agradecidos a Fina pola súa visita e por escribir eses libros marabillosos que nos fan soñar.

Sericultura - Criamos vermes da seda


Cando chega a primavera, como vimos facendo nos últimos cursos, criamos vermes ou eirugas da seda. Esta actividade, chamada sericultura, orixinouse na China onde tiña un valor comercial xa que a seda era moi apreciada para facer tecidos.
A nós permítenos observar os cambios, a metamorfose, que se produce ao longo do seu ciclo biolóxico que dura uns 60 días, pasando dos ovos a ser bolboretas cun período intermedio dun mes aproximadamente, no que son larvas.
Moitos de nós seguimos coa actividade na casa xa que levamos algúns vermes nunha caixa de cartón e seguímolos coidando.
É unha actividade interesante, entretida e fácil de facer. Só se necesita unha caixa de cartón e ter unha moreira preto da casa xa que as súas follas son o seu único alimento. Non podemos esquecer limpalos retirando os restos de follas e o excrementos.
Para saber máis de sericultura podemos visitar esta páxina con completa información da actividade. Tamén podemos obter información neste sinxelo documento elaborado por nós.
De forma máis gráfica podemos informarnos nestas diapositivas feitas a partir de fotos dos nosos vermes.
Tamén fixemos esta información coas imaxes de vermes e bolboretas de cursos pasados.
Vermes de seda

Tivemos a sorte de poder gravar a saída dunha bolboreta do casulo e os primeiros pasos. O vídeo é de baixa calidade pero merece a pena polo momento que rexistrou.