miércoles, 23 de marzo de 2011

Día da Árbore

Os alumnos e alumnas de 3º celebramos o DÍA DA ÁRBORE o 21 de marzo, xusto coa chegaba da primavera. Participamos nunha plantación na zona do Pouso, nos montes da Entidade Menor de Bembrive, que aportou as plantas autóctonas  (carballos e castiñeiros)  e organizou a actividade xunto cos axentes forestais. Primeiro tivemos unha charla informativa sobre a importancia dos bosques, a necesidade de coidalos e a diversidade de seres vivos que neles habitan.
Logo dirixímonos camiñando ata o Pouso acompañados por axentes forestais, observando  a vexetación existente na zona, xa que é o tema que estamos a estudar no proxecto Achégate a Bembrive. Todos amosamos interese pola actividade e participamos activamente na plantación asesorados polos axentes forestais. Pasámolo moi ben, coñecemos un pouco mellor o noso monte, tivemos agasallos e ... xa pensamos en saír outra vez!


Día da Muller Traballadora

Aínda que o Día da Muller Traballadora foi o pasado martes de Entroido, o 8 de marzo, e como estabamos de festa, hoxe celebrámolo na clase de 3º cunha actividade especial. Achegáronse ao colexio dúas das nosas nais, Ana e Cruz, para falarnos dos seus traballos. A actividade resultou  moi interesante e participativa xa que nos trouxeron diverso material relacionado coas súas profesións. Estivemos moi atentos ás explicacións e interesámonos por distintos aspectos da súa actividade laboral. Podemos ver as imaxes do acto en imaxes-sons.

jueves, 17 de marzo de 2011

Entroido 2011


O venres, 4 de marzo, celebramos o Entroido no noso cole e o alumnado do segundo ciclo participou elaborando os seus disfraces relacionándoos co tema que están a traballar dentro do proxecto Achégate a Bembrive . Os nenos e nenas de 3º disfrazáronse de árbores o os de 4º de distintos oficios do lugar. Pasámolo moi ben e achegouse ao cole unha morea de familiares do alumnado que gozou con nós desta tradicional festa. Pinchando en Imaxes-sons podemos ver imaxes do noso ciclo. Para ver máis fotos iremos á web do cole ou tamén en Tic-tac Chans.

jueves, 24 de febrero de 2011

Chega o Entroido!


É tempo de Entroido, unha festa moi popular en Galicia e de moita tradición. Nenos e nenas están a preparar o disfrace, ensaiando cancións e bailes, facendo carautas e enatefaces ...
Para saber máis podemos entrar nos contidos do portal educativo da Xunta no Especial Entroido.

Se o que queremos é facer un anteface ou carauta, podemos pinchar no enlace e descargar ou imprimir imaxes que deberemos decorar ao gusto de cada quen.
Outros links onde atopar imaxes poden ser dibujalia e tamén yodibujo onde se poderán imprimir as imaxes ou colorealas en liña. Simplemente con escribir en Google imágenes colorear carnaval teremos un montón de imaxes do Entroido.

domingo, 20 de febrero de 2011

Recursos multimedia


O Banco de imaxes e sons do ITE (Instituto de tecnoloxías educativas) do Ministerio de Educacón é un importante recurso onde ademais de imaxes e sons podemos atopar ilustracións, animacións e vídeos para as distintas etapas educativas. Podemos empregar o seu buscador ou tamén facelo por coleccións.


Tamén  podemos encontrar contidos similares no Banco multimedia dentro dos contidos do portal educativo da Xunta. Hai galerías de imaxes, sons, animacións e vídeos cun enlace directo para descargar ao noso ordenador.

Seguridade e Internet


Empezaremos escribindo sobre a seguridade cando navegamos por Internet e algúns aspectos importantes a ter en conta. Internet é unha importante fonte de información, onde ademais podemos atopar  ferramentas de comunicación que están presentes na vida cotiá. Non podemos esquecer tamén que na rede non é verdade todo o que vemos ou lemos e que esconde tamén algúns riscos, especialmente para os máis cativos.
Na mesma rede podemos ver distintas informacións sobre o tema. Algúns exemplos poden ser esta guía para seguridade dos menores en Internet, outra de redes sociais, ademais dunha de control parental, todas elas na web do Inteco (Instituto Nacional de Tecnologías de la Comunicación). Para unha maior información visitar a web da OSI (Oficina de seguridad del internauta).