miércoles, 24 de abril de 2013

Descubrindo o noso patrimonio inmaterial



O mércores, 24 de abril, o alumnado do segundo ciclo asistimos no Centro Cultural de Novacaixagalicia á actividade didáctico-musical NA PERCURA DO TESOURO, espectáculo presentado pola Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra.
Xurxo, o protagonista da historia,  non cría nas lendas, quere conseguir o tesouro agochado na cova e pensaba que os debuxos nas pedras do monte eran as marcas do mapa dun tesouro.
A través das probas que tivo que ir superando, coa nosa axuda, descúbrenos e achéganos ao noso partimonio inmaterial: lendas, cantigas, refráns, pezas e instrumentos musicais e as sensacións e sentimentos que producen en nós.
Foi moi entretida, estivemos moi atentos e as profes déronnos parabéns polo bo comportamento que amosamos. 

viernes, 19 de abril de 2013

Visitamos o Museo do Mar

O día 17 de abril os nenos e nenas de 3º  visitamos o Museo do Mar de Vigo. Alí  fixemos dous obradoiros, uns estivemos no obradoiro de aparellos de pesca e outros fomos ao obradoiro da conquista do espazo mariño.
No primeiro coñecemos as distintas embarcacións e aparellos e artes de pesca, dende os tempos máis antigos ata agora.

No segundo obradoiro vimos os aparellos e traxes de submarinismo e inmersión, dende os primeiros ata os nosos días, e admiramos o primeiro submarino artellado por Sanxurxo Badía.
Pero o que máis nos gustou a todos, sen dúbida, foi o acuario. Nel vimos unha morea de peixes propios das nosas costas e aprendemos moitas curiosidades.

A verdade é que estivemos moi atentos porque foi moi interesante e os monitores explicáronnos todo moi ben.
Quedamos moi contentos e recomendamos que vaiades a visitalo.

miércoles, 20 de marzo de 2013

Fomos ao teatro

O  día 20 de febreiro fomos ao teatro de Novacaixagalicia. Estivemos todo o ciclo: os dous cuartos e os dous terceiros. A obra de teatro titulábase “Malas palabras”.
Na obra só aparecía unha actriz que interpretaba a unha nena de dez anos que descubre por casualidade que é unha adoptada. Ao principio enfádase moito cos seus pais pero despois entende que, o que é verdadeiramente importante, é que os seus pais quérena moito e ela a eles.
É unha obra enxeñosa porque aínda que non aparecen máis actores nin actrices, hai outros personaxes representados por obxectos, de súpeto un un floreiro, un libro, un pano … toman vida coa voz e a interpretación da actriz.
É unha obra para pensar nos pais e nos sentimentos.
Gustounos saír ao teatro porque é unha actividade que poucas veces podemos facer e gozar.

domingo, 3 de febrero de 2013

Pinga gañadora


Xa hai pinga gañadora! Patricia Gradaílle, de 4º B, deseñou unha simpática pinga que parece moi disposta a camiñar con nós polas rutas do mundo da auga.

Preme na pinga e atoparás un montón de recursos do novo proxecto Pingas en Chans.

miércoles, 30 de enero de 2013

Na Biblioteca Neira Vilas


O día 29 de xaneiro os alumnos e alumnas de 3º fomos a biblioteca Neira Vilas. Alí a bibliotecaria Noelia, moi atenta, explicounos como se organizan os libros, o significado das letras e números que aparecen nas etiquetas dos libros e o significado das distintas cores.

Logo fixemos unha actividade, moi lúdica e interesante, buscando  libros agochados polas distintas seccións da biblioteca. Asi aprendemos a forma de buscar e atopar libros para informarnos.

Gustounos moito a visita e xa pensamos en volver axiña para estrear o noso carné e coller algúns dos interesantes libros que alí vimos.



lunes, 28 de enero de 2013

Pola Paz

Un ano máis chega o 30 de xaneiro e no colexio celebraremos o Dia Escolar da Paz e a Non Violencia. Para ter paz todos os días debemos buscala arredor de nós, entre as persoas coas que convivimos: na familia, no colexio, cos amigos... mesturando amizade, respecto, tolerancia e solidariedade. Así será moito máis doado atopar a paz.

Podemos escoitar a canción  que cantaremos no patio no blogue da aula de música  O son de Chans e tamén en Tic Tac Chans onde atoparemos outros recursos sobre a paz. Na páxina web do noso cole tamén podemos atopar un bo número de recursos nas Webs amigas do Día da  Paz.


Facendo clic nas imaxes iremos a outros recursos sobre a Paz.

Parellas, crebacabezas, dereitos dos nenos ...



Letras de cancións, poemas, mensaxes ...



Unidade  didáctica: personaxes, vídeos ...





Actividade Lim.




As árbores da paz. Actividade lim.